domingo, 1 de noviembre de 2009

Campaña para a retirada de Afganistan das tropas españolas

É cada vez máis evidente que Afganistán vive baixo condicións de ocupación militar e guerra. Non se está reconstruíndo o país. Non se levou a democracia a Afganistán. Non se liberou ás mulleres afgás. A ocupación só trae máis mortos, tanto entre a poboación afgá como entre as tropas ocupantes. Os mesmos motivos que existían para retirar as tropas de Iraq en 2004 aplícanse ao caso afgán hoxe.

Pero lonxe de retirarse de Afganistán, o goberno español participa cada vez máis na ocupación. O envío de 220 soldados máis, e o feito de asumir o mando do aeroporto de Cabul son só os exemplos máis recentes desta deriva. O goberno tenta, en todo momento e contra toda evidencia, presentar ao exército español como a unha ONG, e disfrazar a ocupación de misión humanitaria. Nisto recibe a axuda da prensa que, a diferenza de en 2003, está case unanimemente a favor da guerra e a ocupación.

A pesar de todo, a maioría da opinión pública no Estado español segue opóndose á actual presenza militar en Afganistán. Só o 3% da poboación (e só o 1% das mulleres) apoia a política do goberno de enviar máis tropas. Un 41% defende a retirada (subindo a un 47% entre as mulleres), e outro 19% favorece unha redución do continxente. (Datos do Barómetro do Real Instituto Elcano - Resultados de Xuño de 2009). Pero o feito de que o envío de máis tropas a Afganistán teña mesmo menos apoio do que tiña a guerra en Iraq en 2003, é ignorado.

As entidades abaixo asinantes acordamos impulsar unha campaña para facer ouvir esta opinión maioritaria, esixindo a retirada das tropas de Afganistán e rexeitando o envío de máis efectivos.

Ao facelo, non nos esquecemos dos outros problemas actuais e urxentes dun mundo afligido polas crise económica e ecolóxica, senón todo o contrario. Estas crises están intimamente relacionadas coa guerra en Oriente Medio. Os enormes gastos militares -nunca xustificables- agora ademais restan recursos a fins sociais, como o apoio ás persoas sen traballo e ás súas familias. E todo o mundo sabe que estas guerras e ocupacións son froito dunha economía baseada no petróleo, que é a causa principal do cambio climático.

Tamén somos conscientes de que a reputación do Estado español está en xogo en Afganistán. Coa súa participación na ocupación, o goberno español busca mellorar a súa imaxe na OTAN e o G20. Creemos que a súa reputación internacional gañaría moito máis se defendese os principios de paz, e retirase as tropas, do mesmo xeito que fixo en Iraq en 2004. Se isto é incompatible coa participación na OTAN, entón é un motivo máis para retirarse desta alianza bélica, que debería disolverse de todos os xeitos.

Non será fácil conseguir a retirada de Afganistán, pero sabemos que mentres continúe a ocupación será imposible lograr avances sociais neste país. O pobo afgán xa sufriu 30 anos de guerra; debémoslle a nosa solidariedade e os nosos esforzos para contribuír a que viva en paz.

As entidades que colaboramos na Campaña pola retirada das tropas españolas de Afganistán, comprometémonos a mobilizarnos para conseguir este obxectivo.

Iniciamos a campaña cunha xornada de sensibilización, acción e mobilización, o sábado 28 de novembro. Iremos enviando máis detalles das mobilizacións nas diferentes cidades durante as próximas semanas.

Agora como sempre, non á guerra, fóra as forzas de ocupación!
Regreso inmediato das tropas españolas!
Solidariedade co pobo de Afganistán!
Pola paz, o traballo e un mundo sustentable

No hay comentarios:

Publicar un comentario